viernes, 7 de octubre de 2011

Richi Maneiro «O pase benéfico foi boa idea para axudar a Paula»

O pasado domingo, a compañía Teatro do Improvisto fixo un pase benéfico da obra Romeo y Julieta de Shakespeare. O obxectivo era recadar fondos para a pequena Paula, unha nena de Boiro que naceu sen sacro e sen dúas vértebras e só un tratamento alemán lle da esperanzas de curación aos seus pais. Richi Maneiro, o encargado de interpretar a Romeo, asegurou: «Cubríronse as expectativas, incluso moita xente tivo que utilizar cadeiras pegables e outros quedáronse fóra».

-¿Como xurdiu a idea de facer un pase benéfico?

-Propúxoo unha das actrices que escoitara o caso. Ao director e ao resto de actores pareceunos unha moi boa idea para axudar aos pais desta nena para que poida comezar con ese tratamento canto antes.

-O público infantil é moi esixente, ¿como foi a súa crítica?

-Para ser a primeira vez que traballo con nenos, bastante ben. Ríanse e estiveron moi entretidos. Escoitábamos a algúns nenos como lle dicían aos seus pais que calaran que non podían escoitarnos.

-¿Que tipo de adaptacións incluíron para os nenos?

-Introduciuse unha canción de cumpreanos feliz para que cantaran os nenos e as liortas entre as familias de Romeo e de Julieta representaronse con xogos populares. E tamén, por exemplo, as mortes dos protagonistas mesturaron humor e dramatismo para que os pequenos non o viran como algo malo.

-¿Quen se encargou de facer as adaptacións?

-Moitas delas foron propostas polo director e de outras encargámonos os propios actores. A idea era adaptala de maneira que os nenos comprenderan a esencia orixinal da historia de Shakespeare.

-¿Fixeron máis pases por causas benéficas noutras ocasións?

-Que eu saiba non, polo menos dende que eu estou aquí. Pero non creo que se descarte a posibilidade de colaborar con este tipo de causas nun futuro.


-É a primeira vez que desenvolvea o papel de protagonista. ¿Como foi?

-Penso que foi todo un risco para o director. Levo moi pouco tempo na compañía e enseguida pensou en min para este papel. Para min foi un reto facilísimo, collín o papel con tranquilidade.

Fonte: http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2011/09/30/0003_201109B30C2995.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz